Saturday 18 de May de 2024

Comeza a mellora da calidade urbana en Santa Cristina e Areal


Dúas obras de infraestrutura urbana por un valor superior ao medio millón de euros están a piques de comezar en Perillo para mellorar a calidade viaria e sanitaria da poboación.

Por unha parte, renóvase a rede de pluviais nas rúas Areal e Barreira, mellorando a capacidade da tubaxe para conectala coa nova canalización disposta na avenida das Mariñas á altura do Sol y Mar. O novo colector ten 630 mm de diámetro e enganchará co existente no supermercado Día. Aprovéitase a obra para reurbanizar as beirarrúas afectadas, ganándolle espazo ao arcén actual, cambiando pavimentos, ampliando alcorques e dotando á zona de maiores superficies drenantes.

A outra obra é un complemento á futura restauración da avenida de Santa Cristina. Trátase das rúas Humboldt e Linneo, que se acondicionan para humanizalas e mellorar a súa accesibilidade universal, así como o engado comercial de toda a zona e facéndoas máis atractivas para a mobilidade peonil, con máis vexetación. Tamén se corrixirán as deficiencias que presenta a rede de pluviais e mellorarase a eficiencia enerxética da iluminación pública.